Daltonismo e tetracromatismo
Sendo a enfermidade xenética máis común entre humanos e predominantemente nos homes (menos dun 1% das mulleres a padecen), a maioría da xente xa sabe que o daltonismo consiste na deficiencia de visión dunha das tres cores primarias.
Diversos personaxes famosos sofren ou sufriron daltonismo, como Paul Newman, Vinny Testaverde, o artista español Luis Piedrahita e incriblemente o debuxante de cómics Albert Uderzo, un dos creadores de “Astérix e Obélix” ( como vería el aos seus personaxes?) ou o famoso pintor Vicent Van Gogh, que vía as súas propias obras de forma distinta. Non é necesario mencionar que Dalton era daltónico…
Unha persoa daltónica xa non ten por que conformarse con esta anomalía visual de por vida necesariamente. Os avances científicos xa falan de gafas e lentes correctoras que poden mellorar o problema ou eliminalo
Pero, como podemos saber se somos daltónicos? Unha persoa daltónica moitas veces non sabe se o é. Aínda que o mellor é sempre ir ao médico, existen tests online. Pero iso non é todo. Estase demostrando que, igual que os homes son máis propensos ao daltonismo, hai mulleres con visión tetracromática (tetracromatismo); é dicir, que teñan catro tipos de conos no lugar de tres e poidan ver moitas máis tonalidades que unha persoa con tres tipos de conos, debido a factores xenéticos. Mentres algúns falan dunha porcentaxe moi baixa, outros falan de incluso un 50% das mulleres, e unha porcentaxe moito menor nos homes.
Aínda queda moito camiño por descubrir na investigación deste fenómeno, xa que unha persoa tetracromática non adoita saber se o é, pero sería interesante poder ver os 99 millóns de cores que poden chegar a ver estas persoas.