A posibilidade de viaxar no tempo é cada vez maior
A viaxe no tempo deixou de ser unha fantasía no momento en que Albert Einstein propuxo a teoría da relatividade, tanto a especial como a xeral. A día de hoxe, existen certas hipóteses acerca de como se podería chegar a realizar unha viaxe no tempo, da posibilidade de abrir un portal que nos permita controlalo ao noso antollo. As razóns que, por así dicilo, nos botan cara atrás á hora de comprobar estas conxecturas son debidas, basicamente, a cuestións económicas e tecnolóxicas.
Atendendo ás propostas de Stephen Hawking cabería esperar tres maneiras de viaxar no tempo para as cales resulta fundamental a consideración deste como unha dimensión máis: a cuarta dimensión; similar á altura, ao ancho e á lonxitude, concibidas como as tres dimensións. “Viaxar no tempo significa trasladarse a través da cuarta dimensión”, o que carrexaría unha curvatura do marco espazo-tempo.
A primeira opción sería mediante a utilización dos buracos de verme que están ao noso redor, en todas partes, na chamada espuma cuántica; mais son demasiado pequenos como para poder velos. Pese a isto, algúns científicos cren na posibilidade de capturar un destes buracos de verme e amplialo de forma tal, que resultara ser o suficientemente grande como para que un humano se introducira nel. Sen embargo, o científico británico establece que: “Calquera tipo de viaxe ao pasado a través dun buraco de verme ou calquera outro método é practicamente imposible, de ser así ocorrerían os paradoxos (como por exemplo o paradoxo do científico tolo que suxire Hawking baseándose no paradoxo do avó) así que parece ser que as viaxes ao pasado nunca se concretarán”.
Outra alternativa serían os buracos negros, idea que xa propuxera Einstein un século atrás ao decatarse de que debería haber lugares onde o tempo transcorre máis lento e outros onde se acelera. A gran cantidade de enerxía acumulada nos buracos negros arrastra ao tempo de maneira que o ralentiza, que é o mesmo que dicir: “Un buraco negro xigantesco é unha máquina do tempo, pero obviamente non é demasiado práctica. Ten vantaxes sobre os buracos de verme, xa que non provoca paradoxos. Ademais, un non se destruirá a si mesmo a causa do retorno. Pero é moi perigoso, a viaxe é moi longa e non nos leva moi lonxe no futuro”.
A última proposta sería acadar velocidades próximas ás da luz, considerada como un límite de velocidade cósmico equivalente a 300000 km/s. Nada pode superar dita fronteira. Á velocidade da luz non existe o paso do tempo, por tanto: “Viaxar case á velocidade da luz transportaranos cara ao futuro”. Esta opción daría lugar ao paradoxo dos xemelgos.
Verdadeiramente cabería esperar a posibilidade de que estas hipóteses tiveran un resultado negativo, ou sexa, que resultaran ser equívocas. Ao fin e ao cabo son “unicamente suposicións”, mais, que ocorrería de non ser así? Seriamos conscientes do gran avance que isto suporía na historia non só da ciencia, senón tamén da humanidade? Polo momento non temos probas que demostren a súa invalidez, simplemente consideramos a idea (ou ideas), apoiada, por suposto, por unhas teorías firmes a nivel científico, agora falta levala a cabo…