Peixes de auga doce e de auga salgada

A grande maioría dos peixes viven, ou ben en medios onde a auga é doce como lagos e ríos, ou ben en ambientes onde a auga ten un nivel de salinidade superior ao 0,05% como mares e océanos. Incluso nestes ambientes salgados, moitas especies requiren determinados niveis de salinidade para sobreviviren e non o poden facer cando os parámetros son superiores ou inferiores.

 

As especies piscícolas que poden desenvolverse por igual en ambos ambientes son contadas, e case sempre pasan máis tempo nun medio e só se dirixen ao outro para desovar. Os salmóns (Salmo salar) son exemplo de peixes mariños que van desovar a ríos (peixes anádromos). A anguía europea (Anguilla anguilla) é un bo exemplo de peixe catádromo que pasa a súa idade adulta nos ríos e volve ao mar para reproducirse.

 

A superficie do corpo dun peixe é impermeable grazas ás escamas e a unha secreción mucosa. Porén, a auga entra e sae deles por ósmose, a través das branquias. Os peixes de auga doce teñen unha serie de mecanismos para solucionar a ganancia de auga xa que no seu corpo o nivel de salinidade é superior ao medio no que se desenvolven, polo cal tenden a gañar auga e perder sales para acadar o equilibrio co medio.

 

A característica fisiolóxica principal é a adaptación dos seus riles ao ambiente, onde posúen glomérulos renais grandes para eliminar o exceso de auga e reabsorber os sales que deberían ser eliminados a través da urina, producindo así unha urina moi diluída e abundante.

 

Por outra banda, nos peixes de auga salgada os sales minerais están moito máis diluidos nos seus líquidos corporais que na auga na que nadan, é dicir, posúen unha baixa salinidade con relación ao medio exterior. Isto implica unha perda de auga e unha ganancia de sales. Para compensar esta perda de auga os peixes bébena directamente sendo reabsorbida no intestino. A característica fisiolóxica que os diferencia dos peixes de auga doce é que posúen uns glomérulos reducidos para evitar a perda de auga. 

 

 

imagen

En resumo, os peixes deben manter no seu interior unha determinada proporción de líquidos e de sales minerais disoltos neles. Nos ambientes mariños a salinidade é superior no exterior, polo cal o peixe debe impedir que escape demasiada auga do seu interior para evitar que os sales minerais que entran no seu organismo non excedan dos que necesita e saturen as disolucións. Na auga doce o problema é o contrario, aí o que se debe impedir e que entre demasiada auga e rebaixe a concentración de sales minerais no organismo para o cal expúlsase moita auga e retéñense os sales minerais.

 

Tags: , , ,